1 jun 2016

Luz Pozo Garza: Souben amar

Souben amar

Hai unha longa espera
igual a un rito. Ti chegabas na tarde.
Foron rúas escuras coma bosques de cedros
que non volven.
No fondal dos recordos pasaba o vento escuro.

Os labios que besaban.
Un mar azul e tépedo resumía crepúsculos
e esvaraba no tempo.
Os labios que besaban lenzos de amor na tarde.
A bris recolle o pranto e foxe.

Ti chegabas na tarde.
Prometías unha estación celeste para sentir as albas.
As aves lenemente descubrían espacios virxinais
e propagaban fráxiles caricias nun tempo luminoso
onde amar
onde amar se revela en formas de conciencia.

Despois chegou a noite.
Quedan atrás as sombras límpidas dunha existencia
dificilmente clausurada.
A forma inmaculada dun xardín interior onde se sobrevive.

Souben amar.
Souben amar pronunciando o teu nome.

en Códice Calixtino.

No hay comentarios:

Publicar un comentario