8 jun 2016

Curros Enríquez: En corso

En corso

Mariñeiros da Marola,
de illas Cíes e do Orzán,
remendade ben as velas,
daille sebo ás cordas xa;
reparade as vellas redes,
os coitelos afiai
i aprestaivos, mariñeiros,
pola patria a mariñar.

Dende o Norte americano
chega a España occidental,
de ignominias e de aldraxes
unha negra tempestad,
e nas olas que levanta
i en Galicia van parar,
¡cuspos flotan de desprecio
para vós e vosa nai!

Mariñeiros da Marola,
de illas Cíes e do Orzán,
non seredes mariñeiros
si temedes hoxe o mar;
unha forca en cada verga,
na cintura un bon puñal,
no temón un brazo forte
i a bogar, bogar, bogar…

Mariñeiros da marola,
de illas Cíes e do Orzán,
grande pesca vos agarda
si sabedes ben pescar;
unha lancha de centollas
vinte e cinco pesos val,
un cargamento de yankees
valvos… ¡a inmortalidá!

                         Habana, 1898

No hay comentarios:

Publicar un comentario