9 mar 2016

CABANILLAS: "Silenzo"

SILENZO

Cando o paxaro agáchase no niño,
o vento dorme, o río vai calado
e o esprito voa ó ceo, translevado,
en cobiza de luz e de aloumiño,

ergue o silenzo o cántico diviño:
¡A terra, o mar, o ámbito estrelado,
todo, señor, se move ó teu mandado,
que Ti es comenzo e fin, rumbo e camiño!

Voz sin soído, milagreira fala
que soio escoita o corazón que cala
abrasado en amor de enternidade,

é a espresión das aladas xerarquías
tecida en silandeiras melodías
ante o solio da Eterna Maxestade.

7 mar 2016

Álvaro Cunqueiro: "Díxenlle á rula: pase miña señora!"

Díxenlle á rula: Pase miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o río.
O meu anxo da garda, coas azas sob o brazo dereito,
na man esquerda a calabaciña de auga,
ollando a rula irse, comentóu:
-Calquera día sen decatarte do que fas
dices: Pase miña señora!
e é a alma túa a quen despides como un ave
nunha mañán de primavera
ou nun serán de outono.


Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou de acolá, 1980

Cabanillas: "Ás miñas costas calada"

 Ás miñas costas calada,
chegas nas puntas dos pés,
e coas mans tápasme os ollos
preguntando: ¿quen son eu?

Pola música da vos
e as mans que tanto biquei,
polo cheiro a rosas frescas
que te envolve, seino ben;

sei que está detrás de min
o adorado corpo teu,
mais non abonda sabelo
pra poderche responder.

as tempestás que te axitan,
o misterio que ti es,
o que gardas alá dentro...
¡nin o soupen nin o sei!
Cabanillas, en No desterro