29 abr 2022

Xela Arias: "Na enfermidade tan gastada das urxencias..."

 Na enfermidade tan gastada das urxencias...


cambio de rexistro e asisto

-abraiada e esplendidamente absorta -

a esta vosa visita ós restos.


Que vísceras aínda quentes non lembran

acenos das vosas vidas,

que pistas atrasadas na memoria.


Acóchome tralas túas penas:

-Deixa madura-la soberbia.


Asisto asombrada ó teu desexo e

cedería o meu puñal pola túa furia.


En Tigres coma cabalos (1990)

Pilar Pallarés: "Á tarde cun can e un livro"

 Á TARDE CUN CAN E UN LIBRO


Á tarde, cun can e un livro

entreaberto

sento-me nun banco do xardin

e deteño-me a contemplar o transcorrer da vida.

Por oriente pasa unha anada de paxaros

que non identifico.

Hai unha luz desigual tapizando a paisaxe,

hai unha luz fráxil e cautelosa

de inverno.

 

O corazón escoite e, ás veces, insinua unha pregunta.

Hai un manto de calma abafando alaridos,

ocultando rostros desolados.

 

A vida é isto? Esta dor que avanza, perniciosa,

por canles subterráneas?

esta

                            mediocridade?

 

Á tarde, contemplo a falsa calma e agardo o delírio

mentres o can, o livro, a anada de paxaros,

un eco de tronada mui ao lonxe... 


En De amor e desamor, 1984 (obra colectiva)

Manuel Rivas: "CELTA APOCALIPSE"

 CELTA APOCALIPSE

Algún día

o lume irá casa a casa do home.

Non se lle dará tregua ao nemigo.

Os corpos incendiados do bosque 

rolarán ata as portas da cidade,

siatiarana,

e a cidade terá morte lenta, por sede e dor de corazón.

As aves cumprirán tódolos agoiros:

levarán no peteiro os teus ollos, por exemplo.

A noite atreverase a falar

e ogallá eu está moi lonxe para entón.

As feras do zoo e do circo 

cometerán crimes que vós inventáchedes,

pero farano sen hipocresía.

A nai balea devolverá aos náufragos

e nin Jonás terá un lugar no alento para contalo.

O camelo pasará polo ollo da agulla

e o reino dos ceos estalará

e será o fin.

Agardo que Deus cumpra a súa palabra

e sexa inmisericorde,

cando o lume chegue á casa do home.


En Mohicania (1986)

Lois Pereiro: "EDINBURGH EDINBURGH"

 EDINBURGH EDINBURGH

O tren fura paisaxes coma un piollo

nos cabelos escuros

de Escocia escurecida

mentres veñen as mans

do abrente alleo

abrindo as portas daquel día de setembro

cruzando o Mar do Norde cara ás illas

chegando a un Edinburgh en sombra estraña

baixándome do tren coa mente aberta

¿Onde se deita a noite en Edinburgh?

¿á esquerda do castelo de carbón diamante

cun sol negro?

Catro teenagers punks

xaspeaban mil cores metalizadas

co meu ollo animal cravado neles

"No future Anarchy & destroy me"

because I love them since they're like you

dura pedra escocesa que me garda

da hipnose contaxiosa das Highlands

empapando a alma en frío

cervexa calvinista whisky ateo

Cruel máxica dura

especto dos meus soños agresivos

volverei por ser teu

na túa pel e na escuma do desexo.

 

(Poemas, 1981/1991)