
Os mozos mariñeiros da fiada
lémbranse rindo alleos de coidados;
cheira a aceite e pemento requeimados
rustrido de xurés en caldeirada.
Conta o patrón nun corro a treboada
do ano setenta, –historia de afogados–;
e empuxándose, inando, entran mollados
os homes dunha "lancha de enviada".
Pasa de man en man a xerra roiba
de albariño, e namentres cai a choiva
o vento fai tembrar a casa enteira,
detrás do mostrador clarexa o ceo
nas trenzas de ouro, no mirar sereo,
na surrisa de luz da taberneira.
Ramón Cabanillas en No desterro (1912)
No hay comentarios:
Publicar un comentario