26 sept 2013

Cabanillas: "Camiño adiante"

Camiño adiante, triste sin congoxa,
a frente erguida, o paso ventureiro,
ó lombo un pau e nel cangada a roupa
envolveita nun pano, o pensamento
na chouza en que viveu seus anos mozos,
o amor á terra en que naceu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos,
camiño adiante... adiante... ¡sempre adiante!
alónxase da aldea o bo labrego. 


 Creente nas virtudes da súa raza,
valente no sufrir, forte, sereo
coa homilde maxestá daqueles reises
relixiosos, pastores e guerreiros,
que adouraban a Dios nas altas cumes

                da noite no misterio,
tiñan por pazo unha cativa chouza
e o trono ó pé dun vello castiñeiro;
canso de sementar en terra escrava
                de vergoñosos feudos;
agrilloado por ladróns caciques,
amos sin lei e sin honor; famento
do día da xusticia que alumee
                 a libertá dos servos,
                 do día en que o fouciño
                 mangado no fungueiro,
sin piedá, sin perdón, a lume e sangue,
                dende os castros suevos

ás covas en que os lobos se entobaron
baixe en nome de Dios e do Dereito;
buscando a redención... camiño adiante,
alónxase da aldea o bo labrego.


¡Abride paso ó loitador! Da mina
no temeroso e abafante seo,
sudando a fío baixo o sol ardente,
batido pola neve e polo vento
na montana, mollado na lameira,
entre as areas roxas do deserto,
sobre as ágoas do mar, no bosque virxe…
traballará pra redimir seus eidos
crebando sobre as testas dos tiranos
as cadeas que o teñen prisioneiro.


E trunfará na loita que en si leva
as forzas que han de darlle o vencemento:
¡fe cega no porvir, o nobre e santo
amor á terra en que naceu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos!
 


Ramón Cabanillas en No desterro 

No hay comentarios:

Publicar un comentario