3 jun 2015

Rosalía de Castro: Cando este cantar, poeta,

I
Cando este cantar, poeta,
na lira xemendo entonas,
non sei o que por min pasa
que as lágrimiñas me afogan,
que ante de min cruzar vexo
a Virgen-mártir que invocas,
cos pes cravados de espiñas,
cas mans cubertas de rosas.
En vano a gaita, tocando
unha alborada de groria,
sons polos aires espalla
que cán nas tembrantes ondas;
en vano baila contenta
nas eiras a turba louca,
que aqueles sons, tal me afrixen,
cousas tan tristes me contan,
que eu podo decirche:
non canta, que chora.
II
Vexo contigo estos ceos,
vexo etas brancas auroras,
vexo estes campos froridos
onde se arrullan as pombas,
i estas montañas xigantes
que aló cas nubes se tocan
cubertas de verdes pinos
e de froliñas cheirosas;
vexo esta terra bendita
donde o ben de Dios rebota
e donde anxiños hermosos
tecen brillantes coroas;
mais, ¡ai!, como tamén vexo
pasar macilentas sombras,
grilos de ferro arrastrando
antres sorrisas de mofa,
anque mimosa gaitiña
toque alborada de groria,
eu podo dicirche:
non canta, que chora.
III
Falas, i o meu pensamento
mira pasar temerosas
as sombras deses cen portos
que ó pe das ondiñas moran,
e pouco a pouco marchando
fráxiles, tristes e soias,
vagar as naves soberbas
aló nunha mar traidora.
I ¡ai!, como nelas navegan
os fillos das nosas costas
con rumbo á América infanda
que a morte co pan lles dona,
desnudos pedindo en vano
á patria misericordia,
anque contenta a gaitiña
o probe gaiteiro toca,
eu podo dicirche:
non canta, que chora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario