28 nov 2023

MANUEL MARÍA: "Contentámonos con nada"

 Contentámonos con nada. 
Falamos en voz baixa
porque non somos quen
de erguer a nosa voz
unha vez soia.
Non somos quen para darlle
forza de trono á nosa voz
e disparala o mesmo 
que unha bala.
Somos un pobo lírico
e saudoso, según din
autores sabidos e eminentes.
E debe de ser certo:
os poetas cursis e inocuos
son -somos- premiados
nos xogos florais; son
aplaudidos e reciben
con fondísimo agradecemento,
as migallas, as cativas
migallas que lles tiran,
que lles cospen á face.
Pero aqueles que erguen
valentemente a voz
cantando a verdade núa
-Manuel Curros Enríquez,
Celso Emilio Ferreiro-;
tiveron que coller
e que acollerse
aos arrepiantes
camiños do desterro.

    Manuel María: Versos pra un país de minifundios (1969)

No hay comentarios:

Publicar un comentario