28 nov 2023

Luís Seoane: "O pasado"

 “O pasado”

Quenes quer o esquedemento,

afogar os recordos,

que tamén nos esquezan.

Tampouco acorden o noso nome,

esto ou aquelo,

unha anéidota calquera,

a lembranza da amistade,

o berro común do pasado.

Guinden o noso nome

á preta cova dos mortos

que eles queren olvidar.

Boten o noso apelido

sílaba a sílaba,

letra por letra,

tras a cerca do caveiro común.

Alancen entre isas cinzas

a bandeira que un día erguemos xuntos,

as pantasmas de aqueles mortos

que esquecéndoos voltan a matar.

De calquer xeito,

aínda eisí,

tampouco podrán esquecer ista segunda morte.

Alguén, sen arrepiarse,

coidadoso de honrar ós mortos,

non sabemos quen,

con seguranza aínda non nascido,

fará memoria.

Herdará no seu sangue o recordo

e oferecerá

nos petos das ánimas

un novo amor á libertade.


Nós acordaremos sempre,

aínda desde a fosa, 

no caveiro,

en Santa Compaña polos camiños,

despois de moitas vegadas mortos.

 

Luís Seoane: As cicatrices (1959)

No hay comentarios:

Publicar un comentario