28 nov 2023

MÉNDEZ FERRÍN: "Posturas pra copular en homenaxe"

 "Posturas pra copular en homenaxe"

Ponte de luz, carbón, pólvora e ollos
negros de nenos mortos cravados nas salas do pazo.
Ponte de corazón, ladrillo, fósforo
con cincocentas espirais pra lle chegar ao verde cume e escusadas sedas.
Ponte de mar, estrondo, primavera,
e mans estremecendo o vaso, amante, no que cantan as sedes doutro tempo.
Ponte de contemplar, amor, antigamente
e docísimamente e perder coma vidas vellas e tirar coa chaqueta cada día.
Ponte de ponte; ponte, amiga, en ponte
estrangulando o río no que muxo e urro con carballos, follas.
Ponte para saír a saia nova
e, tan cursi polo xardín, naceranche nos ollos lúas, vésporas e un xerriño de mel.
Ponte de costas, natural e lume
negro polo baixío conmoverache os dentros con arruallo vivo sen vivir en min.
Ponte de pel de añuca, de croíño, de hombreiro,
penedo do crepúsculo, atal coma unha caixa de música ou cerdeiras.
Ponte de frío, ponte estatuaria
e cada embate será líquido inmóbil, abril de xade, nódoa de alabastro.
Ponte de recurrir, ponte de língoa
e unión, trebón, carne polo discurso, verbas como panascos orballados.
Ponte de viño, en fin, e de cabazo
e teñamos, amor, amor, unha fogaza candeal e ollos pra fitar o lume bo e a morte.

    Méndez Ferrín: Con pólvora e magnolias (1976)

No hay comentarios:

Publicar un comentario