1 dic 2020

Méndez Ferrín: Reclamo a libertade pró meu pobo

 No vento de mazán que se desfraga

nos cons e pedregullo solar

de cabo de Home e Punta do Cabalo de Fora

    reclamo a libertade pró meu pobo.


No meniño que dorme

no edredón dos teus ollos

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nas vellas mans agrarias,

nas loias amorosas dos estíos

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nos bicos acedísimos e tenros

dos meus fillos inmensos

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nos sangues artesáns que teño ardendo

en cada dedo meu;

nos finos labradores que aparecen agora no papel

levando chapeos pardos, panos de seda e zocas remontadas

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nos crepúsculos de anís

nos que se erixe a familia naval de Manoel Antonio

e pon, de arca e couso, pequeniños

lumes azuis e brancos de San Telmo

    reclamo a libertade pró meu pobo.

 

Na anguria de arandela que te cerca,

nos marcos, portas, fechos, nos durísimos e sen luz

arames, non me torzo e 

    reclamo a libertade pró meu pobo.

 

 Nos tépedos infernos da túa boca, ferida

de comunión ao sol e ao viño máis adentro,

diapasón de verdade de pantrigo e

cumio do cabazo e da alborada boa

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Na cizaña, composición, feitura, debuxo ruín

de cada cerimonia de convenio colectivo

cegando o noso fogo metalúrxico

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nunha nena de seis anos que naceu en Basilea e

cantou pra min a Internacional en idioma galego e non

puiden rete-lo pranto e foi en mil novecentos

setenta e catro, e por ela

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nas muradellas de couselo e da violeta,

nas fonduras da carriza e dos fentos,

nos castro, calzadas e viviros

(pedra do alén) pra sempre abandoados

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nos camiños fechados, nos abertos,

nos que levan ás casas dos homes nosos de cada día,

nos transportes de ferrocarril,

nos irmáns que gobernan as máquinas do mar

e os cameóns na alta noite,

    reclamo a libertade pró meu pobo.

 

 Na fogueira de Londonderry, en cada palabra

en cada palabra do noso tío Ho Chi Minh, coma un ouriol

enchendo a tarde de lus nacionalista e líquidos

    reclamo a libertade pró meu pobo.

 

Na sindical reconstrucción diaria

de cada cousa rompida e volta a endereitar,

na unión mínima dos homes darredor dun problema sórdido,

en cada petición en grupo,

en cada contubernio de mans dadas,

    reclamo a libertade pró meu pobo.

 

 Na casa dos meus avós arrecendente

a sí propia, singular no mundo;

nos cabalos da serra e nos mineiros

de Lousame aquil vinte de Santiago,

    reclamo a libertade pró meu pobo.


No estremecido urro das marés en guerra,

no arruallo do amor e na rapaza

perdida sen que fora nunca nosa

    reclamo a libertade pró meu pobo.


No comer e no beberen

torno á ola da camaradaxe,

no sagro segredo en torno á pérola de lus clandestina,

no medo e na teimosa retesía en torno ao adverso

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nos loitadores de xofre e lume acedo,

nos difuntos endexamais vencidos,

nos que virán en son aínda lene bris e vos de melro

e portarán o ferro e darán a morte crara

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nos ríos, nas folgas, nas romaxes,

nas protestas nos muros, nos escritos,

nas gaitas, nas areas de Espasante acaso

    reclamo a libertade pró meu pobo.


Nos emigrados, nos perdidos, nos presos, nos esplotados,

nos que contemplan o devalar das augas

sen fin, nos que confían no meu partido (tuba de despertar

ou camiño que nunca se desanda),

nos que combaten e han de se-lo lóstrego

achaiador, neles poño a miña língoa e descanso os meus ollos

    e reclamo a libertade pró meu pobo.

    e reclamo a libertade pró meu pobo.

 

Méndez Ferrín en Con pólvora e magnolias (1976)

No hay comentarios:

Publicar un comentario