1 dic 2020

Celso Emilio Ferreiro: Deitado frente ao mar

 Lingoa proletaria do meu pobo

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gaña

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos abós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos do lingoaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.


Eu fáloa porque sí, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingua.


Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruís e poderosos,

non falo pra os finchados,

non falo pra os estúpidos,

non falo pra  os valeiros,

que falo pra os que agoantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de volvoretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de tódolos que sofren neste mundo.


E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño...


Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra (1962)

Podes consultar aquí o comentario do poema.

No hay comentarios:

Publicar un comentario