24 ene 2022

Luís Seoane: "Celsa R. I aforcouse en xullo do 74"

Celsa R. I. pendurouse dunha viga.
Aforcouse nun alpendre.
Profesión: pescantina. Estado: viuda.
Ós coarenta e cinco anos xa era vella.

Cómo brúa a mar.
Qué negra noite, Celsa R. I.
O vento bate a porta abeerta do alpendre
e abana paseniñamente teu corpo.
Renxe a viga.

Cando nena, o pai mariñeiro
contáballe a Celsa R. I. dunha onda roxa
no mar, cun anxo sentado enriba.
Tamén da estadea azul cun pano branco
perpetuamente ergueita na mesma rocha
que enfeitizaba ós mariñeiros.
O pai de Celsa R. I. falaba de encantamentos.
Non falaba da súa vida.
Tampouco o fixera o seu home. Afogado,
naufragou nun barco de pesca.
¿Que se ten de falar da vida dun mariñeiro?
Celsa R. I. vivía nunha aldea de vellos e nenos.
Illada, soia, medoñenta.
Tampouco tiña nada que falar de sí.
¿A quen lle podía importar Celsa R. I.
nunha terra maldita, de xentes emigradas,
rillada polos usureiros,
apremeda dende lonxe polos burócratas?

Celsa R.I. traballadora no peirao,
aforcouse.
Non a levou nengún anxo da terra.
Non a enfeitizou nengunha estadea azul.

Como brúa a mar...
Qué negra noite, Celsa R.I.
O vento bate a porta aberta do alpendre
e abana paseniñamente teu corpo.
Renxe a viga.

No hay comentarios:

Publicar un comentario