23 abr 2021

Manuel Rivas: RED ROSE, PROUD ROSE, SAD ROSE


RED ROSE, PROUD. ROSE, SAD ROSE 


Coñecín algúns homes que levaron a bandeira vermella

cando era pecado e fermosa

como baga de acevro. 

Eu mesmo tiven unha nas mans,

unha bandeira vermella,

cando era pecado e fermosa

como o bico dunha cegoña.

Oín dicir que hai homes en Calcula e Soweto

que aínda levan bandeiras vermellas,

fermosas como camelias nos dentes.

Pero eu hoxe non quería falarvos 

da orgullosa, vermella e triste bandeira

que quentou as mans dos que estaban debaixo,

pecado e fermosa como lapa do carbón.

Só quería falar

da baga do acevro,

do bico da cegoña,

da camelia entre os dentes,

da lapa do carbón,

e da orgullosa, vermella e triste rosa de Yeats.


Costa da Morte Blues, 1995

No hay comentarios:

Publicar un comentario