11 mar 2023

Marta Dacosta: "Hoxe estou en silencio xogando co pasado"

Hoxe estou en silencio xogando co pasado, 
mentres vexo chegar andando a miña avó, 
que aínda é tan pequena como eu a recordo 
e segue alí no vello paseo Afonso XII. 
Eran cen escaleiras as que nos separaban, 
o mundo da cidade vencido de ruídos 
e a praciña de pedra en que aínda hai un pozo 
ou a casa pequena da indomable Manuela. 
Recupero a memoria de Pepa silenciada 
pola peste da gripe cando empezaba o século, 
e o misterio da vida en garrafas de barro 
e algodón por Gonzalo, que naceu a destempo. 
Recupero a friaxe e o sal do mar na noite 
e a chalana afogada na outra beira da ría, 
á miña nai tirando carbón desde a bufarda 
ou atada a unha silla de falar castellano. 
E eu sinto que son hoxe tantas que entón me foron, 
Saladina, Manueliña, Rosa ou tamén Pepa, 
e a mesma Teresa que nos fala incansable 
mentres o tempo vai rodando pola tarde. 
 
(Marta Dacosta, Setembro. Galaxia: Vigo, 1998) 

No hay comentarios:

Publicar un comentario