27 oct 2020

CABANILLAS: "Camiño longo"

 

Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
triste e escuro de día...
    ¡camiño longo
    da miña vida !
 
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
    ¡vereda torta, 
    ti onde me levas!
 
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas 
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
    ¡camiño longo 
    da miña vida !
 
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sen auga;
sen carballos que dean sombra,
nin chouzas que dean pousada..
    ¡vereda fonda, 
    ti cando acabas!
Ramón Cabanillas: Vento mareiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario