Mostrando entradas con la etiqueta Outros poemas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Outros poemas. Mostrar todas las entradas

29 nov 2020

Luís Pimentel: Cunetas


 

 

Cunetas

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un dia e outro dia,
Sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor ¿que fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará este gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer un home!
Teñen que encher ainda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

Docemente chove.
Enviso, arrodeame unha eterna noite.
Xa non terei palabras pra os meus versos.

Desvelado, pola mañá cedo
Baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crime
Ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguen podes trocar teu sorriso.
Nos arrabais
bandeiras batidas e esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os dias
hai un home morto na cuneta
que ninguén coñece ainda
Unha muller sobre o cadaver do seu home
Chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
Mais alá da neboa,
Mais alá do mar,
Mais alá da chuvia,
Mais alá do bosque.

en Outros poemas.

 

28 nov 2013

Álvaro Cunqueiro: No máis esvío cume...

No máis esvío cume, onde as fadas dos signos
ceiban os seus anceios nas tebras a vagar,
teño un rabaño de urces, que gardan vinte pinos,
vixías isolados cara á luz do luar.

E alí, ao carón, cinguida de aurifloridos toxos,
pretiño dunha fonte, bicada da espadana,
-Santa consagración dos meus vagos antoxos!
teño unha ermida branca no colo da montaña.

Xa fixen amizade coas aves de rapina,
e teño, por amada, unha aguia pequeniña,
que, nun voo a raiola do sol sabe cortar.

Véñenme as pegas, as comadres do cume;
e cando cae a neve eu acendo un gran lume,
e facemos fiada ao redor do meu lar...

Álvaro Cunqueiro en Outros poemas (incluídos na recompilación da súa poesía do 1933 ao 1981)